O reducto de San Felipe
DE PRAZA MILITAR A ESPAZO PÚBLICO
“Planta del Castillo de Vigo que llamamos el Castro, como hade estar en estando acavado” obra do enxeñeiro de S.M. Eugenio Antonio Doffus Vélez Davila de 1705
A Fortaleza de Santa María de O Castro chegou a contar con ata tres recintos amurallados, erixidos en distintos momentos e en resposta ás crecentes ameazas bélicas que tivo que afrontar a vila de Vigo ao longo dos séculos XVII e XVIII.
Na actualidade consérvanse enteiros os lenzos de muralla do primeiro recinto, partes do segundo, mentres que o terceiro e derradeiro en ser erixido, desapareceu para dar orixe ao actual paseo de Rosalía de Castro que circunda a fortaleza.
Tralo acontecido na Batalla de Rande en 1702 coa derrota da flota franco-española, decidiuse reforzar as liñas defensivas da fortaleza de O Castro cun terceiro recinto amurallado a modo de camiño cuberto, concéntrico aos dous primeiros e levantado cara 1704.
Deste recinto saía cara o sueste un corredor amurallado que conectaba co reduto de San Felipe, un pequeno fortín pentagonal do que hoxe xa non queda evidencia e que ocuparía o espazo no que nos atopamos. O obxectivo deste fortín era o control e defensa dunha ampla zona que non se podía realizar desde a fortaleza ao quedar oculta por unha pequena elevación.
En 1800, o enxeñeiro Miguel de Hermosilla realiza un informe do estado das fortificacións en Galicia e, no caso de Vigo, fai referencia á muralla da cidade e a fortaleza de O Castro. Esta atopábase en moi mal estado trala invasión e asedio de Vigo en 1719 polos ingleses, tras ser sometida a un intenso bombardeo durante 5 días.
No caso do reduto, Hermosilla deixa escrito «…se halla establecido un pequeño Fuerte llamado de San Felipe en figura de Baluarte con Camino cubierto, y Caponera de ciento y setenta varas de largo que se une al Camino cubierto del Castillo, pero todo en cimientos, ó si llego à estar concluida, está casi arruinada..»
A preocupación das autoridades por fortificar Vigo dada a importancia estratéxica da cidade, foi recollida por Hermosilla na súa Relación topográfica de las plazas y puestos fortificados del Reyno de Galicia, nun proxecto de autor descoñecido que reformaba os tres recintos defensivos e o reduto de San Felipe. Propoñía ampliar a extensión dos baluartes do primeiro recinto no lado sur e converter o Saínte de Coia e a Punta do Diamante en baluartes. Para o segundo recinto propoñía na cara sur catro baluartes coas súas cortinas e dous revellíns ou medias lúas, no oeste un baluarte, e no norte un hornaveque (fortificación exterior composta de dous medios baluartes) moi pronunciado cara o castelo de San Sebastián. E para defender os dous recintos a súa solución pasaba por un camiño cuberto a modo de terceiro recinto defensivo de ángulos entrantes e saíntes e amplísimos glacis que chegan á base do monte. Por último, o reduto de San Felipe convertíao nun forte circular. Este proxecto nunca chegou a executarse.
Esta descrición de Hermosilla é a última que ten chegado a nós. A mediados do século XIX xa non se menciona nos planos militares, polo que entendemos que debeu desaparecer nas primeiras décadas dese século.