360 anos de transformacións

DE PRAZA MILITAR A ESPAZO PÚBLICO
imaxe cabeceira

“Planta del Castillo de Vigo que llamamos el Castro, como hade estar en estando acavado” obra do enxeñeiro de S.M. Eugenio Antonio Doffus Vélez Davila de 1705

De praza militar a espazo público

A fortaleza do Monte de O Castro sufriu ao longo da súa historia múltiples modificacións, moitas delas relacionadas coa adaptación á súa función defensiva mentres mantivo un carácter de estrutura militar, pero moitas outras cando pasou a converterse nun espazo aberto para o lecer da cidadanía.

Entre as primeiras modificacións salientables do complexo orixinal, formado por tres recintos defensivos concéntricos construídos entre 1663 e 1705, está a desaparición completa do terceiro recinto para crear o actual Paseo Rosalía de Castro.

Tamén desapareceu unha parte da estrutura amurallada do segundo recinto, en concreto da tenaces norte, para levantar o restaurante «El Castillo» durante a década de 1950. O antigo Reduto de San Felipe, que tiña o seu emprazamento ata inicios do século XIX nos actuais parques de xogos infantís —no arranque do actual Paseo dos Cedros—, foi outra das estruturas que non chegaron ata a actualidade.

No interior do primeiro recinto podemos atopar, aínda hoxe, elementos que nos achegan á función militar desta construción. Por exemplo, as troneiras para canóns e parapetos coas súas banquetas; a polvoreira, construída a mediados do século XIX sobre o tambor que defendía a porta norte, desfigurando a función defensiva desta peza do XVII; e a porta sur do primeiro recinto, cuxa apertura data de finais do século XIX para poder instalar na fortaleza catro obuses de costa H.R.S de 21 cm sobre as bases semicirculares que hoxe serven de soporte para elementos florais e vexetais do xardín.

A polvoreira é un edificio moi interesante desde o punto de vista histórico e arquitectónico, en canto que reflicte as preocupacións dos enxeñeiros militares da segunda metade do século XIX por dotar aos almacéns de pólvora das prazas militares dunhas condicións especiais na súa construción, co obxectivo de eliminar a posibilidade de explosión ou de perda dos materiais, xa fora polo efecto do fogo ou a humidade, o que suporía deixar á praza sen municións para defenderse fronte a un ataque inimigo.

A da fortaleza é un bo exemplo desta época. De planta rectangular con bóveda apoiada sobre un dobre muro separado por unha cámara e pequenas ventás que ventilaban e daban luz ao recinto. Os muros cumprían unha dobre función: o muro exterior era máis groso para resistir os impactos de artillería, e co interior conseguíase unha cámara que mantiña unhas condicións de temperatura e humidade necesarios para o boa conservación da pólvora. O chan podía ser de gres, ladrillo, baldosa ou formigón, e a bóveda forrábase con ladrillos ocos e cubríase cun tellado, todo co obxectivo de illar á construción da humidade. Finalmente, para acabar de protexela, un corpo de garda vixiaba a polvoreira.

A principios do século XX a fortaleza perderá toda a súa función defensiva, iniciando o concello un longo e tortuoso camiño para que o Exército cedese o Monte de O Castro á cidade. O 18 de decembro de 1908 acórdase por lei a cesión do monte ao municipio como parque, pero non se fará efectiva ata o 14 de abril de 1934 cunha nova lei na que quedaban excluídos os dous recintos da fortaleza, comezando na década dos anos 40 o axardinamento e plantacións de arborado de gran porte.

En marzo de 1964 o Exército cedeu definitivamente a fortaleza de O Castro xunto coa de San Sebastián, onde se acuartelaba parte do Rexemento de Infantería de Murcia nº 42 (destinado a Vigo en 1887), que foi trasladado ao xa desaparecido cuartel de Barreiro. En 1966, o Concello fixo derrubar as estruturas interiores do primeiro recinto, excepto a polvoreira e alxibe, para construír os actuais xardíns e estanque que hoxe atopamos no noso percorrido polo interior. Uns anos antes, en 1962 rematábase a construción do restaurante «El Castillo» sobre a tenaces norte do segundo recinto tapando completamente a Punta do Diamante. Desde esta tenaces unha batería facía as salvas de saúdo ás escuadras doutros países que entraban na ría.

A fortaleza, un Ben de Interese Cultural

Os castelos teñen a consideración de Bens de Interese Cultural en virtude do Decreto de 22 de abril de 1949 sobre protección dos castelos españois e da disposición adicional primeira da Lei 5/2016, do 4 de maio, de Patrimonio Cultural de Galicia. Os restos da fortificación entraron a formar parte en 1968 do Inventario de Patrimonio Cultural Europeo como Monumento de Arquitectura Militar.

A declaración de BIC (Ben de Interese Cultural) supón para o monumento quedar baixo a protección da administración que impedía alteracións da súa estrutura ou derrubo, e obrigaba ao desmantelamento de todo tipo de engadidos feitos sobre Monumentos Históricos, o cal afectaba directamente ás instalacións do restaurante «El Castillo», cuxa concesión a unha empresa privada, que remataba no ano 2005, non foi renovada polo Concello como paso previo a súa demolición en 2013. Isto supuxo o inicio do proxecto de recuperación e posta en valor da Fortaleza de O Castro en 2020 coa recuperación da tenaces norte.

En 2022 o Concello de Vigo acometeu, quizais, unha das intervencións máis relevantes no proceso de recuperación do patrimonio histórico da cidade. Tralo redescubremento das antigas galerías soterradas durante as obras de 2020, o concello inicia en 2021 un proxecto de musealización da antiga fortaleza co obxectivo de recuperar para a cidadanía un dos espazos máis senlleiros da nosa historia moderna.

O proxecto de musealización da fortaleza, executado entre 2022 e 2023 nunha colaboración entre o Concello de Vigo e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo co obxectivo de mellorar a competividade do sector turístico, fixo visitables as galerías dentro dunha proposta xeral que interviña en toda a fortaleza co fío condutor de A Defensa de Vigo, e con especial atención a un acontecemento que pasou practicamente desapercibido na nosa historia recente: a invasión inglesa de Vigo e o asedio da fortaleza en 1719.

Durante 5 interminables días entre o 13 e o 18 de outubro, os ingleses que tiñan tomada a vila trala súa capitulación o día 12, someteron aos 800 defensores repregados no castelo a un intenso bombardeo ata a súa rendición con honores militares o día 19.

A historia da fortaleza e o seu papel na defensa de Vigo, é o que contamos nesta intervención de musealización promovida polo Concello de Vigo dun dos elementos máis senlleiros do noso patrimonio histórico. Recorrendo o complexo defensivo poderemos coñecer a través de recursos gráficos e audiovisuais os acontecementos e transformacións vividos na fortaleza desde a súa construción no século XVII.