UNHA FORTALEZA
TRES RECINTOS DEFENSIVOS
A Fortaleza de Santa María do Castro é un complexo defensivo abaluartado de época barroca que conforma unha arquitectura de gran beleza polo seu conxunto de volumes a base de baluartes, saíntes e terrazas. Chegou a contar con ata tres recintos amurallados, erixidos en distintos momentos e en resposta ás crecentes ameazas bélicas que tivo que afrontar a vila de Vigo ao longo dos séculos XVII e XVIII.
Na actualidade consérvanse enteiros os lenzos de muralla do primeiro recinto, partes do segundo, mentres que o terceiro e derradeiro en ser erixido, desapareceu para dar orixe ao actual paseo de Rosalía de Castro que circunda a fortaleza.
A Fortaleza de Santa María de O Castro é un complexo defensivo abaluartado de época barroca que conforma unha arquitectura de gran beleza polo seu conxunto de volumes a base de baluartes, saíntes e terrazas. Chegou a contar con ata tres recintos amurallados, erixidos en distintos momentos e en resposta ás crecentes ameazas bélicas que tivo que afrontar a vila de Vigo ao longo dos séculos XVII e XVIII.
Na actualidade consérvanse enteiros os lenzos de muralla do primeiro recinto, partes do segundo, mentres que o terceiro e derradeiro en ser erixido, desapareceu para dar orixe ao actual paseo de Rosalía de Castro que circunda a fortaleza.
A Fortaleza de Santa María do Castro é un complexo defensivo abaluartado de época barroca que conforma unha arquitectura de gran beleza polo seu conxunto de volumes a base de baluartes, saíntes e terrazas.
O primeiro recinto
A construción do primeiro recinto da fortaleza de Santa María de O Castro iniciouse a cabalo entre os anos 1663 e 1664. Aínda que non sabemos con seguridade quen deseñou a fortaleza, posiblemente as mentes que a planearon foron o capitán enxeñeiro Juan de Villarroel y Prado e o entón Capitán Xeral de Galicia entre 1652 e 1658, Vicente Gonzaga Doria (1602-1694).
As obras foron financiadas entre a propia Vila e as Arcas Reais. En 1665 finalizouse o primeiro recinto, que presenta un trazado irregular ao ter que adaptarse á forma do monte, no cal a rocha nai aflora a pouca profundidade impedindo os socalcamentos.
Este primeiro recinto dispón de tres baluartes, un medio baluarte e un saínte. O máis complexo de defender, polo seu ángulo agudo, pero cun grande radio de tiro é o que está orientado cara o norte, o medio baluarte da Punta do Diamante. Consérvanse as 5 troneiras, así como a garita situada no estremo do baluarte e que é a única que se mantén na súa posición orixinal. Ne seu estremo izábase a bandeira da fortaleza.
De leste a sur sitúanse os baluartes do Couto e San Amaro e a súa garita que conservan as súas troneiras e merlóns ou parapetos, e o de Regueiro que as perdeu para albergar dous obuses de costa H.R.S. de 21 cm proxectados en 1890. As cortinas ou lenzos de muralla que conectan os baluartes preservan nalgúns tramos a banqueta por onde circulaban os soldados para defender os muros con descargas de fusilería.
O Saínte de Coia, no lado noroccidental, perdeu as súas troneiras para albergar outros dous obuses de costa H.R.S de 21 cm, proxectados ao igual que o Baluarte do Regueiro en 1890. Ao seu carón monta garda unha garita desprazada da punta do saínte tras a construción da estrutura para os obuses.
Entre a Punta do Diamante e o Saínte de Coia sitúase a entrada primitiva do recinto, defendida por un tambor hoxe algo desfigurado pola construción a finais do século XIX dunha polvoreira, asentada sobre un dos muros e pechando as súas troneiras. O tambor contaba cunha porta da que hoxe podemos apreciar o cerco vertical con ocos para as pechaduras co seu batente.
Unha segunda porta daba acceso polo sur entre os baluartes de San Amaro e Regueiro. Foi aberta a finais do século XIX para a instalación dos catro obuses de costa.
En 1665 a planta da vila de Vigo presenta un recinto amurallado de mala e débil cachotaría, que se estendía sobre a aba do Monte de O Castro, sendo a fortaleza o punto máis elevado do complexo amurallado, pero desconectada del. De traza irregular descendía pola liña recta que marcan na actualidade as rúas Baixada a Príncipe e Carral, continuando pola marxe litoral desde A Laxe ata o Bérbes para ascender ata a fortaleza de planta estrelada de San Sebastián á altura do Paseo de Alfonso XII.
O segundo recinto
O segundo recinto, erixiuse no marco da guerra de independencia de Portugal do reino de España (1640-1668). Feito inicialmente en terra, por motivos de urxencia defensiva, rematouse en apenas 5 anos seguindo un trazado tamén irregular ao ser concéntrico co primeiro recinto.
Situado nunha cota inferior e polo tanto construído a modo de contramuro con parapeto de pedra, este recinto exterior pretendía suplir a ausencia dun foxo en torno ao castelo, mais, debido a escasa altura, só servía para dificultar o acceso á fortaleza por parte do inimigo, pero deixábao moi exposto ás descargas de artillería lanzadas desde o exterior.
Tiña tres tenaces defensivas ou defensas con ángulo entrante. Unha no norte, baixo a Punta do Diamante, con murallas e parapeto usada como batería e desde a cal se facían salvas de saúdo ás escuadras doutros países. Sobre esta estrutura, en 1948, o Concello comezou a construción dun edificio imitación dun pazo/castelo medieval para ser usado como restaurante e cafetería, derrubando os tramos de murallas este e oeste para facilitar a entrada de vehículos e taponando a Punta do Diamante. Coñecido como «El Castillo», inaugurado en 1962, foi derrubado en 2013, e en 2020 o mesmo Concello recuperou para o noso patrimonio histórico este espazo cunha actuación na que devolveu á fortaleza a súa vista orixinal.
A segunda tenaces defendía o flanco sur pero sen muralla, cun glacis moi pronunciado e con pezas de artillería que defendían o flanco oeste.
A terceira tenaces, a máis relevante a mellor conservada é a chamada Batería do Couto, que defendía a parte máis accesible da fortaleza no extremo sueste xunto á entrada sur do recinto. Conserva os seus merlóns e troneiras. No medio desta tenaces situábase o pozo que daba auga ao recinto.
Contaba este recinto con tres portas: unha en rampla e ben defendida polo norte, debaixo da Punta do Diamante, hoxe desaparecida; a do sur, defendida pola tenaces do Couto, construída en bóveda de medio canón; e a do leste ou poterna en falsa bóveda alintelada.
As portas da fortaleza eran os elementos construtivos máis importantes do recinto xa que os enxeñeiros tiñan que concentrar sobre elas toda a defensa, ao ser as zonas máis sensibles nun asedio, por onde o inimigo tentaría penetrar en primeira instancia.
O terceiro recinto
Tras os sucesos acontecidos na Batalla de Rande en 1702, decidiuse reforzar as liñas defensivas da fortaleza de O Castro cun terceiro recinto amurallado a modo de camiño cuberto, concéntrico aos dous primeiros e levantado cara 1704.
Estaba situado entre 15 e 10 metros de cota máis baixa que o segundo ao sur e norte respectivamente. Hoxe en día nada queda deste terceiro recinto que deixou paso ao actual Paseo Rosalía de Castro que circunda os muros da fortaleza.
Deste recinto saía cara o sueste un corredor amurallado que chegaba ata o Reduto de San Felipe, un pequeno fortín pentagonal do que hoxe xa non queda evidencia e que ocuparía o espazo no que se sitúan os parques infantís no Paseo dos Cedros. O obxectivo deste fortín era o control e defensa dunha ampla zona que non se podía realizar desde a fortaleza ao quedar oculta por unha pequena elevación. En 1800 o enxeñeiro Miguel de Hermosilla fai referencia ao mesmo na súa «Relación de las plazas y puestos fortificados de Galicia», pero a mediados do século XIX xa non se menciona nos planos militares, polo que entendemos debeu desaparecer nas primeiras décadas dese século.
A Batería de Rechán
A Batería de Rechán é unha infraestrutura militar construída en 1898 como elemento de defensa ante un eventual ataque norteamericano ás costas españolas no marco da Guerra de Independencia de Cuba (1895-1898). A intervención americana nesta guerra debe entenderse dentro do marco do novo expansionismo imperialista norteamericano fronte ao decadente colonialismo español. Coñecida como Guerra Hispanoamericana, iniciada o 21 de abril de 1898, o resultado foi, despois de tres meses de guerra, dunha derrota española sen paliativos e a perda das últimas colonias ultramariñas: Cuba, Filipinas, Porto Rico e Guam.
A derrota, coñecida como o Desastre do 98, puxo o fin definitivo a un imperio en decadencia que durante tres séculos tiña dominado gran parte da xeografía americana, estendéndose ata outras afastadas latitudes. Dentro de España, o desastre viviuse como unha crise moral, política e social, o que contribuíu a desenvolver un discurso rexeneracionista que impactou nos cambios políticos, sociais e culturais que se levaron a cabo no novo século.
A batería, situada no Paseo Cronista Xosé M. Álvarez Blázquez, uns metros antes do xacemento arqueolóxico municipal de O Castro, é hoxe un espazo apenas recoñecible militarmente, pero que conserva a súa forma orixinal baixo un piso de xabre con bancos e unha sebe que a pecha. A súa construción neste punto obedeceu ao dominio que se tiña da ría cara o noroeste para instalar pezas de artillería ante unha posible invasión americana.
Esta infraestrutura militar confórmase con dúas chairas para dúas pezas de artillería, coas súas ramplas e dous repostos de municións blindados cun foxo sen peitoril, tendo o do norte unha parte dedicada a corpo de garda. De sólida cantaría, os muros eran de mampostería mixta, revestidos de morteiro hidráulico; os blindaxes, de carrís e viguetas de ferro, trasdosados de formigón e unha capa grande de terra. En sendos documentos de 1912 e 1916 do Arquivo Xeral do Concello de Vigo xa se indica a necesidade de demoler as edificacións ao supor unha fea protuberancia na aba do monte, e reencher o foxo por ser un perigo para o tránsito público