As batallas de Vigo
“Planta del Castillo de Vigo que llamamos el Castro, como hade estar en estando acavado” obra do enxeñeiro de S.M. Eugenio Antonio Doffus Vélez Davila de 1705
Quizais, o episodio da Reconquista de Vigo é o acontecemento bélico máis coñecido de Vigo histórica e socialmente, en canto que foi un alzamento popular que expulsou aos franceses da vila en 1809, sendo a primeira en Europa en logralo. Por todos é sabido que esta reconquista da cidade, que festexamos vigueses e viguesas cada 28 de marzo, valeu o recoñecemento en 1810 do título de cidade fiel, leal e valerosa.
Esta foi a última batalla na que a cidade se viu afectada pola xeopolítica europea. Vigo foi unha vila que estivo inmersa dende o século XVI ata o XIX nas guerras europeas que enfrontaban ás monarquías reinantes nas súas ambicións imperialistas. No caso da Reconquista, foi un acontecemento englobado no contexto da Guerra da Independencia Española; un conflito bélico que enfrontou entre 1808 e 1814 a unha coalición formada por España, Reino Unido e Portugal contra o Primeiro Imperio francés instaurado por Napoleón Bonaparte en 1804, co fin de acabar con Francia como potencia hexemónica en Europa.
Pero antes da Reconquista, tivemos en Vigo 4 acontecementos bélicos que marcaron a historia da cidade, un deles moi coñecido, a Batalla de Rande; os outros tres pasaron máis desapercibidos, pero que tiveron moita trascendencia para a vila, especialmente o episodio da Toma de Vigo polos ingleses en 1719. E en todos, a Fortaleza de O Castro sempre tivo algo que contar. A eles nos imos a referir.
1589. Invasión e saqueo de Drake
Coa guerra anglo-española de 1585 a 1604 (o acontecemento máis coñecido deste conflito foi a derrota da Armada Invencible española en 1588 no seu intento de invadir Inglaterra), os ingleses someteron ás costas españolas e portuguesas a sucesivos bombardeos e invasións comandadas polo vicealmirante Francis Drake. En 1585, Drake bombardea Vigo dende o mar sen graves consecuencias, pero en xuño de 1589 invádea e saquéaa durante 4 días, quedando completamente arrasada como represalia ao fracaso do intento de conquista de A Coruña en maio, onde destacou a figura de María Pita na súa defensa, que deu morte ao alférez inglés que dirixía o asalto e lle arrebatou o estandarte.
Vigo, con este devastador ataque e a posterior peste de 1598, quedou practicamente despoboada, o que obrigou ao monarca español Felipe II a desenvolver un plano de fortificación para a súa defensa. Porén, Vigo tivo que esperar 60 anos, ata o reinado de Felipe IV para iniciar o proceso de amurallar a cidade.
1640-1668. A Guerra de Restauración Portuguesa
En 1580 o reino de Portugal foi integrado na Coroa de Castela tras reclamar Felipe II os seus dereitos ao trono portugués. En 1640, con Felipe IV, España ten abertas varias frontes bélicas en Francia e Cataluña, o que aproveitou Portugal para proclamar a súa independencia en Lisboa o 1 de decembro, iniciándose un conflito que durou 28 anos. Ante o temor dun ataque por mar tralas alianzas de Portugal con Francia e Inglaterra, a fortificación da vila acométese con gran rapidez pero cun resultado deficiente na calidade do recinto pola falta de medios económicos e enxeñeiros competentes. Entre 1656 e 1665 constrúese un recinto amurallado con baluartes con dúas fortalezas de planta estrelada: San Sebastián e Santa María de O Castro.
O peso dos enfrontamentos e consecuencias centráronse principalmente na fronteira, converténdose Vigo nun dos obxectivos do exército portugués. O agardado ataque á vila chegou o 13 de novembro de 1665 despois de que o dia 2, un exército luso formado por 12.000 infantes e 2.500 soldados a cabalo desembarcara en Goián, apoderándose de A Guarda para marchar cara a vila de Bouzas, que foi calcinada.
Na fortaleza de O Castro os defensores preparábanse para facer fronte ao invasor con apenas 200 homes de armas e 50 milicianos, baixo o mando do Mestre de Campo D. Diego Arias Taboada, gobernador da praza, quen ordenou levantar unha estacada para reforzar as aínda deficientes defensas da fortaleza. Sen embargo, o asalto definitivo á vila de Vigo non tivo lugar e as tropas portuguesas marcharon de volta cara A Guarda, asaltando as fábricas de pan e depósitos de munición que atoparon polo camiño.
1702. A Batalla de Rande
O 21 de outubro de 1702, unha flota anglo-neerlandesa de 150 navíos comandada polo almirante George Rooke arribou con densa néboa na ría de Vigo, sabedor de que a flota hispano-francesa de Indias fondeara nela o 22 de setembro. Rooke quería resarcirse do seu fracaso no asalto do 23 de agosto de Cádiz e facerse cos metais preciosos e valiosas mercadorías procedentes de América cargados en 17 galeóns. Tras un breve intercambio de disparos coa praza de Vigo —que non se consideraba un obxectivo en si mesma— o mando anglo-holandés fondeou os navíos para preparar o día 23 o asalto á flota disposta tras unha barreira (cadea) na enseada de San Simón.
A primeira manobra foi un ataque anfibio para facerse cos castelos de Rande e Corbeiro (Domaio), reforzados polos españois con canóns de navío, e así evitar o bombardeo lateral no momento de iniciar a batalla naval. A toma de Rande e Corbeiro, tras desembarcar en Teis e Domaio respectivamente, fíxose sen grandes dificultades, e tras asegurar as posicións en terra, lanzaron o ataque contra a flota hispano-francesa con 25 buques.
A batalla foi curta pero moi cruenta ao realizarse a pequena distancia e con grandes incendios. En poucas horas, a fase máis violenta e decisiva tiña rematado cunha contundente victoria da forza anglo-holandesa, para de inmediato asaltar os míticos galeóns cargados de prata e ouro. O certo, é que os españois xa tiñan desembarcado durante a noite gran parte da carga, que viaxaba no momento da batalla cara ao interior de Galicia. O capitán xeral de Galicia, o príncipe de Barbanzón, foi o encargado de organizar o rescate do mitificado Tesouro de Rande cara a Madrid en 1.000 carros de bois traídos de Pontevedra.
A Batalla de Rande non foi un episodio bélico illado, senón que forma parte dunha serie de conflitos armados que enfrontou ás potencias europeas no marco da Guerra de Sucesión Española (1701-1713) trala morte do rei español Carlos II sen descendencia. A principal consecuencia da guerra foi a instauración da Casa Borbón no trono de España con Felipe V.
Tralas consecuencias da batalla, decidiuse reforzar as liñas defensivas da fortaleza de O Castro cun terceiro recinto amurallado a modo de camiño cuberto, concéntrico aos dous primeiros e levantado cara 1704. Deste novo recinto saía cara o sueste un corredor amurallado que chegaba ata o Reduto de San Felipe, un pequeno fortín pentagonal que ocuparía o espazo no que se sitúan os actuais parques infantís do Paseo dos Cedros. Hoxe en día nada queda desta fortificación, que deixou paso ao actual Paseo Rosalía Castro que circunda os muros que se conservan da fortaleza.
1719. Invasión e asedio de Vigo
O século XVIII representou para a historia de Europa unha centuria de belicosidade extrema entre as potencias europeas do continente. Diferentes intereses económicos e políticos están na orixe das continuas guerras que soportaron os países, nas que España se viu involucrada en case todas, e por extensión a Galicia marítima.
Sen dúbida, unha das pasaxes máis esquecidas da historia da nosa cidade, e que tivo como principal escenario a fortaleza do Monte de O Castro, foi o ataque que sufriu a vila de Vigo no ano 1719 no marco da chamada Guerra da Cuádrupla Alianza. Este conflito, que enfrontou a Monarquía Hispánica de Felipe V contra unha coalición formada por Francia, Gran Bretaña, o Sacro Imperio Xermánico e as Provincias Unidas dos Países Baixos, tivo lugar entre 1717 e 1720 polas aspiracións dinásticas e territoriais do monarca español sobre Italia, a raíz do seu matrimonio con Isabel de Farnesio.
A principios de 1719 Felipe V mandou tropas a Escocia para apoiar aos destronados Estuardo e desestabilizar ao reino inglés levando a guerra ao seu propio territorio. Derrotados na batalla de Glenshiel o 10 de xuño, Inglaterra planeou unha operación militar de represalia na costa norte de España co obxectivo principal de apoderarse de algún porto de relevancia. Tras tomar Ribadeo o 27 de setembro, Vigo foi a elixida polo exército baixo o mando do mariscal de campo Richard Temple.
A media mañá do 10 de outubro, 40 navíos comandados polo almirante James Mighells desembarcan en Coruxo 11 batallóns, sumando unha forza de ataque de 5.000 homes. Tras incendiar e saquear Bouzas e Alcabre o asalto á vila era inminente. O 12 de outubro Vigo capitula ante a falta de medios para a súa defensa e o 13, dous rexementos de fusileiros navais, toman a vila e o fortín de San Sebastián, saqueándoa como castigo pola campaña española en Escocia. O mesmo día pola noite comeza o asedio da fortaleza, defendida por 800 homes entre tropa regular e milicianos comandados polo brigadier Jose de los Herreros. Durante días, a fortaleza foi sometida a un bombardeo incesante terrestre e naval.
Herreros, ferido en combate, é substituído polo coronel Fadrique González de Soto. Tras unha semana sen durmir, con escaseza de alimentos e sometidos a un duro bombardeo de máis de 3.000 proxectís, a guarnición capitula o 19 de outubro con honores militares, abandonando a fortaleza o día 21 coas súas bandeiras e estandartes, desfilando camiño de Redondela. O 7 de novembro os ingleses abandonan Vigo.
1936. A Batalla de Vigo
Ata o de agora as batallas de Vigo sempre estiveron asociadas a conflitos entre as monarquías reinantes polo dominio de Europa, pero non podemos pechar este capítulo sen facer referencia a unha guerra que enfrontou a españois, e na que Vigo e a fortaleza tiveron de novo protagonismo. Estámonos a referir á Guerra Civil Española entre 1936 e 1939.
Coñecida como a Batalla de Vigo, en realidade foi un enfrontamento entre o exército sublevado e as milicias republicanas viguesas. Na mañá do día 20 de xullo, proclámase na cidade o Bando de Guerra anulando a autoridade legal vixente. Sen apenas armas e municións, moitos traballadores comezaron a instalar barricadas en García Barbón, Teis e sobre todo en Lavadores en resposta ás forzas sublevadas. Non tardaron moito en caer e para o día 21 rematábase coa resistencia veciñal nas barricadas de O Seixo (Lavadores), desencadeándose por toda a comarca unha onda de terror e violencia para «pacificar completamente la comarca, pues no se podían dejar en la retaguardia potenciales enemigos».
Estímase que durante e despois da Guerra Civil foron asasinadas 2.500 persoas en Vigo. Contra o muro sur do primeiro recinto da fortaleza de O Castro 136 persoas foron «legalmente» executados/as entre 1936 e 1942.
A defensa da República en Vigo foi o combate máis relevante que tivo lugar en Galicia, sen contar cos posteriores movementos guerrilleiros. Esta breve batalla saldouse cunhas 50 baixas entre ambos bandos, ademais de centos de feridos e prisioneiros. A comarca de Vigo foi, de feito, a última zona de Galicia en caer en mans golpistas.