O monte de O Castro

A defensa de Vigo
imaxe cabeceira

O monte de O Castro en diferentes vistas na 1º metade do século XX. Arquivo Pacheco

O Monte do Castro é quizais un dos lugares que máis identifica á nosa cidade pola súas especias características xeográficas e históricas.

Xunto ao Parque de Castrelos, é a principal zona verde do casco urbano, cun papel clave dende o punto de vista medioambiental. Pero tamén é lugar de ocio e esparexemento e un lugar con moitos referentes asociados á nosa historia e arte, reflectidos nos restos arqueolóxicos de época castrexa, o castelo do século XVII ou as diferentes esculturas que poban todo o monte.

Este monte xunto co o da Guía, son dous excelentes miradoiros que nos permiten ter unha panorámica sobre a cidade construída á beira da ría, ámbalas dúas, compañeiras de viaxe na conformación da primeira cidade de Galicia.

As ladeiras do monte de O Castro acolleron un dos asentamentos amurallados máis poboados e dinámicos do territorio galaico

A cidade

A finais do século XIX, o desenvolvemento económico xurdido a partir da creación de industrias derivadas do mar vai ser clave na nova configuración da cidade de Vigo. O crecemento do sector pesqueiro plasmarase na aparición de novas técnicas de conserva do peixe, o emprego da máquina de vapor nas embarcacións pesqueiras, as novas artes de pesca, e por fin a chegada do ferrocarril a Vigo.

O desenvolvemento económico vigués estivo así ata mediados do século XX directamente relacionado co mar: da man dunha burguesía dinámica e emprendedora, procedente na súa maior parte do País Vasco e Cataluña, xurde o primeiro sector industrial galego, a industria conserveira, orientada nun primeiro momento cara ao comercio exterior. Arredor da conserva desenvolvéronse unha gran cantidade de industrias auxiliares (cordoaría, xeo, naval, litografía, etc) o que provocou o auxe dos principais estaleiros vigueses. Vigo ía concentrando así a maior parte da industria e do comercio relacionado coa conserva e a pesca, polo que se converteu no principal pulmón industrial de Galicia.

Será neste contexto cando Vigo experimente unha importante transformación dende a segunda metade do século XIX, froito do auxe pesqueiro, comercial, industrial, demográfico e cultural, que levará a demoler as murallas a partir de 1861, e a comezar unha dinámica de crecemento ao longo das principais vías de comunicación.

Plano de la Ciudad de Vigo 1982 - Manuel F. Soler

Urzáiz, Policarpo Sanz e Colón

Un catálogo de arquitectura

Derrubados os vellos muros, a cidade comezará a súa expansión en torno a unha serie de eixos lonxitudinais pola rúa do Príncipe, rúa da Circunvalación (hoxe Policarpo Sanz), rúa do Ramal (hoxe Colón), rúa do Camiño a Estación (hoxe Urzaiz), onde establecerán a súa residencia esa burguesía industrial do momento.

 

Plano da CIDADE DE VIGO

1982 – Manuel F. Soler

Ao derrubarse a Porta do Sol en 1869 comeza un proxecto ambicioso de conectar a estrada de Castela coa estrada de Baiona a través da Travesía de Vigo (hoxe Elduayen). Este proxecto no que se investiron máis de vinte anos supuxo o derrubamento de varias edificacións, entre elas a Capela da Misericordia (s. XVI), e dividiu o centro histórico en dous barrios, o barrio alto e o barrio baixo que condenou á degradación ao primeiro.

O crecemento urbano cara ao eixo Porta do Sol, Colón e Urzáiz, nun primeiro momento, levou consigo a construción de edificios representativos da nosa cidade. A pesar de que hoxe en día perderon os seus usos e funcións orixinarias estes edificios continúan sendo representativos do período de esplendor da cidade (o Edificio Simeón, a Casa Pardo Labarta ou o Gran Hotel Moderno).

 

PLANO

Porta do Sol en 1897. Apertura da rúa Elduayen -Deseño Jenaro de la Fuente


Paralelamente a isto levouse a cabo no último terzo do XIX a gran obra de recheos gañados ao mar e a construción do peirao de madeira.

Dúas datas clave para a nosa cidade son 1904, na que se produce a anexión do municipio limítrofe de Bouzas e 1941, na que se anexiona o concello de Lavadores. O primeiro deles, de gran tradición ligada ao mar, conserva a súa propia identidade nos nosos días. Lavadores aínda que incluía a franxa marítima da parroquia de Teis sustentábase maiormente na produción agrícola e gandeira.

A vila aberta ao mar.

Planificación do crecemento.

O crecemento experimentado pola vila dende finais do XVIII creou a necesidade dun proxecto de planificación da Nova Poboación para substituír unha vella cidade amurallada, insuficiente e inadecuada ás novas demandas de chan. A ampliación da cidade non vai ser anárquica, xa que dende dos organismos oficiais tratarase dende datas moi temperás de planificar ese crecemento urbano a través de leis de ensanche, leis de saneamento e abastecemento de auga, ordenanzas municipais e dunha serie de proxectos de ensanche.

En moi poucos casos estes proxectos chegarán a propoñer unha remodelación integral que inclúa o centro histórico, entre eles o Plan Palacios de 1932. En dito plan plántease por vez primeira a idea de zonificar, é dicir, distribuír de xeito lóxico en áreas os diferentes usos residenciais, administrativos, industriais, etc.

Estas propostas na maior parte dos casos non chegarán a executarse debido a acontecementos políticos e principalmente á oposición de certos sectores socio-económicos (comerciantes, industriais) que se opuxeron a esta planificación, debido a que viron perigar os seus intereses.

Os datos cos que contamos na actualidade poñen de manifesto que Vigo foi unha das primeiras cidades españolas en tentar levar á práctica unha concepción planificada do crecemento urbano, adiantándose aos proxectos que dende mediados do XIX se comezarían a utilizar nas principais cidades europeas e españolas.

O primeiro proxecto de autor descoñecido data de 1807, no que proxectaba un novo peirao xunto á ampliación de terreos edificables e a prolongación das murallas. Sobre este vai traballar o enxeñeiro militar José Müller situando a nova poboación o leste do recinto amurallado, sobre a praia do Areal. O plano de Müller, vai ser continuado polo enxeñeiro Carlos Mª Abajos, que o modificou en parte.

PLANO

Proxecto para a situación dun peirao na Ría e fondeadoiro de Vigo. con proporcionada nova Aduana. competente aumento de poboación suficiente seguridade de defensas para rexeitar un golpe de man por esta parte e todas as demais vantaxes que require o ben desexado fomento do seu comercio
.
Müller, 1807

O ensanche de nova poboación

Plan de Agustín de Marcoartú. 1825

Tras eses primeiros intentos de ampliación da cidade, que se sucederon a principios do XIX, a finais da década de 1830, e retomada a idea de ensanche da cidade, encárgase un novo proxecto ao enxeñeiro Agustín de Marcoartú, quen rexeita o plano de Müller e presenta un plano novidoso, máis adecuado ás novas necesidades. Nel formúlase o crecemento da cidade cara o leste do recinto amurallado, na zona da praia do Areal, en parte sobre terreos gañados ao mar. Trátase dunha proposta totalizante da nova cidade a construír, non entendéndose unicamente como unha mera ampliación da cidade existente, ademais plantexa un concepto de urbanismo sustentado na existencia e desenvolvemento do porto.

Plan de Jose María Pérez -  1853

En 1851 encárgaselle ao enxeñeiro José Mª Pérez dar plasmación real ao proxecto de Marcoartú, pero dadas as transformacións experimentadas pola cidade co paso dos anos, vese obrigado a levar a cabo unha serie de modificacións sobre o plano inicial de Marcoartú.

O ensanche de Olloqui: Plans de Julio Valdés 1874-1876    
A pesar do interese que espertou este proxecto, tan só foi realizada unha pequena parte das obras contempladas no proxecto, correspondente ás tres primeiras fiadas de mazás, que foron obxecto dunha concesión para a realización de obras a Emilio García Olloqui en 1870. A concesión outorgada estendíase ao leste do recinto amurallado sobre a zona do Areal ata a rúa Ramal (hoxe Colón). Pese ás grandes expectativas iniciais, o realmente edificado serían apenas unhas poucas mazás. O enxeñeiro Julio Valdés é o encargado de definir o ensanche concedido a García Olloqui na parte máis próxima ao Casco Vello. Estes planos xa trazan a actual rúa Carral substituíndo a rúa do Peirao e as vías paralelas ao mar Luis Taboada e a Praza de Compostela e as perpendiculares, Pablo Morillo, Colón, Castelar e García Olloqui.
PLAN XERAL DE MANUEL SOLER. 1883

Manuel Soler traza no ano 1883 o primeiro “Plan Xeral” de Vigo. Este xa é un documento moderno no que se teñen en conta tódalas preexistencias e trátase de encaixalas o mellor posible dentro dos novos trazados. O reto que afronta o proxectista é arduo xa que tódolos plans anteriores fracasaron porque facían táboa rasa co anterior.

Demostrando unha habilidade e unha capacidade de encaixe notable, o urbanista traza o que serán as mazás do ensanche de Vigo dende a rúa Venezuela ata o ensanche de Olloqui, chegando ata a conexión coa recentemente construída estación de tren. É un plan de couzadas moderno que pasaría por actual no sentido en que ten en conta a topografía e as vías que mellor se adaptaban a ela.

Hai numerosos acertos como o trazado da circunvalación do Casco Vello, hoxe Ronda de Don Bosco-Cachamuíña, que permitía desviar o tráfico da estradas de Pontevedra e Castela á de Baiona sen pasar polo centro urbano (recordemos que aínda non existía Elduayen). Na parte máis sensible, o barrio do Areal, traza as rúas de Marqués de Valladares e Rosalía de Castro e as súas perpendiculares que conectaban a estrada de circunvalación co mar e que hoxe corresponden a República Arxentina, Canceleiro, Oporto…

Este trazado por fin convence á cidadanía xa que fai un reparto proporcionado de cargas e beneficios e permite a execución do desenvolvemento urbano. Por enriba de Policarpo Sanz tamén acerta ó trazar a rúa Uruguai, que continuaba paralela á anterior ata Isaac Peral desgraciadamente interrompida hoxe en día. Por último, entre Urzáiz e Venezuela propón en paralelo o eixo María Berdiales-Progreso, ou perpendiculares como Hernán Cortés coa rúa Cervantes.

Plano de la Ciudad de Vigo 1982 - Manuel F. Soler
Plano de la Ciudad de Vigo 1982 - Manuel F. Soler
PLAN DE RAMIRO PASCUAL. 1907

Ramiro Pascual continúa co bo planeamento anterior e trata de resolver os novos retos que afronta a cidade. En tan so 25 anos o ensanche de Soler está practicamente colmatado e é preciso trazar os novos barrios.

O urbanista acerta en pensar a expansión da cidade rodeando o Castro, cunha retícula que se vai adaptando á topografía entorno a unha Gran Vía que conectaría a estación de tren co que hoxe coñecemos como Praza de América. Na parte superior da rúa Urzáiz deseña o barrio de Casablanca, cunha cuadrícula perfecta e avenidas paralelas e perpendiculares á pendente. Así vanse conformando as rúas Gran Vía, Cuba, México, Brasil, Vázquez Varela.

Plan de Ramiro Pascual 1907
Plan de Ramiro Pascual 1907
PLAN DE MANUEL COMINGES. 1946

Xa mediado o século XX e con parte do barrio de Casablanca construído, Cominges redefine partes fundamentais da cidade como o cruce da Gran Vía coa baixada do Monte de O Castro nunha gran praza, hoxe de España. A maiores hai unha decisión crucial no tocante ós espazos verdes. Sendo consciente de que a Alameda quedara pequena coa expansión da cidade, proponse unha continuación paralela ó mar ata o que hoxe coñecemos como o nó de Isaac Peral. Estes xardíns consérvanse parcialmente hoxe en día nun eixo verde dun quilómetro de longo que sería desexable recuperar. Tamén se detalla a continuación de Marqués de Valladares e as intersección coas vías perpendiculares nunha serie de cruces de gran tamaño no que hoxe coñecemos como Rosalía de Castro.

Plano de Vigo de Manuel Cominges 1946
Plano de Vigo de Manuel Cominges 1946
Gran Vía ao pouco de ser trazada
Gran Vía ao pouco de ser trazada

A Ría

Toda paisaxe é un produto construído. Unha paisaxe está definida  por elementos xeolóxicos, biolóxicos e antrópicos. As formas alombadas que presentan os cumes da maior parte das serras galegas fálannos, en termos xeolóxicos, dunha paisaxe vella. A medida que o home actúa sobre un territorio, este vaise desnaturalizando e na paisaxe adquiren protagonismo os factores antrópicos. Falamos así dunha paisaxe cultural ou humanizada (as paisaxes agrarias son un bo exemplo). Tamén acontece no caso da Ría de Vigo, un espazo litoral que presenta un alto grao de humanización.

Ría é unha palabra galega que hoxe está presente na linguaxe xeográfica internacional, e que de xeito xenérico define aqueles vales fluviais invadidos polo mar en diferentes épocas.

A Ría de Vigo conforma unha unidade xeográfica ben definida. A caracterización actual da ría é froito do desenvolvemento de diversas fases. Na súa morfoxénese interviñeron factores de orde litolóxica condicionadas, á súa vez, pola tectónica.

A estrutura da Ría de Vigo está influenciada por un patrón de fracturas que van definir a súa forma. Hai dúas fracturas que a delimitan polo leste e oeste. A boca da ría está determinada pola presenza dunha fractura N-S que se prolonga cara ao Sur até A Guarda. A un tempo a Depresión Meridiana, con dirección N-S, vai pechar a cabeceira das rías na Ensenada de San Simón. O corpo da ría vaise artellar sobre unha fractura, aberta logo da incidencia da oroxenia alpina e que tamén significou un reaxustamento entre bloques, que presenta unha dirección NE-SO. Posteriormente asentará sobre esta fractura  aberta o complexo fluvial. Outro factor destacábel na súa estruturación van ser as subidas e descensos do nivel do mar durante as diferentes fases do último período glaciar. Nalgúns momentos o mar estaba por detrás das Cíes, que naquel momento serían montañas e non illas. Diversos estudos apuntan que o nivel do mar actual teríase acadado hai uns cinco mil anos.

Atopamos tamén diferenzas morfolóxicas entre as dúas marxes da ría. Así na Península do Morrazo as morfoloxías aplanadas existentes entre Cabo Home e Cangas van deixando paso a formas de maiores pendentes camiño de Rande. Atopamos cotas como o Faro de Domaio (622 m), Coto Redondo/Castiñeiras (536 m). Pequenas fracturas, con direccións diversas, van condicionar o asentamento de pequenos cursos fluviais no Morrazo.

Na marxe meridional, as formas aplanadas, con graos de desenvolvemento diferentes, serán menos frecuentes a medida que nos achegamos ao estreito de Rande. A presenza de cursos fluviais vai facilitar a expansión das formas aplanadas cara ao interior. É o caso do val do Fragoso vinculado á presenza do río Lagares.

No caso de Vigo, o seu territorio presenta en termos xeolóxicos unha diferenciación entre un dominio granítico no sector occidental do concello e a presenza de rochas metamórficas no sector máis oriental. O marco de confluencia destes dous sectores caracterízase por certa convulsividade que motiva a presenza de certas formas elevadas caso da Guía e do Castro. A pervivencia destas formas vai vir determinada tamén polo factor erosivo. A incidencia da erosión sobre litoloxías diferentes vai resolverse con respostas diferenciadas. Aqueles materiais con menor grao de resistencia serán desmantelados con maior facilidade que os que presenten maior resistencia.

A presenza das illas Cíes na boca da ría, con altitudes próximas aos 200 m, vai ter un papel destacado fronte ás condicións adversas que o mar presenta en certas épocas do ano. Este factor confírelle á ría características de refuxio natural para a navegación.