A batería de Rechán 1898
DE PRAZA MILITAR A ESPAZO PÚBLICO
“Planta del Castillo de Vigo que llamamos el Castro, como hade estar en estando acavado” obra do enxeñeiro de S.M. Eugenio Antonio Doffus Vélez Davila de 1705
A Batería de Rechán é unha infraestrutura militar construída en 1898 como elemento de defensa ante un eventual ataque norteamericano ás costas españolas no marco da Guerra de Independencia de Cuba (1895-1898).
O intervencionismo americano nesta guerra obedeceu ao enfrontamento do novo expansionismo imperialista norteamericano fronte ao decadente colonialismo español. Coñecida como Guerra Hispanoamericana, iniciada o 21 de abril de 1898, o resultado foi, despois de tres meses de guerra, dunha derrota española sen paliativos que significou a perda das últimas colonias ultramariñas: Cuba, Filipinas, Porto Rico e Guam, que pasaron a mans estadounidenses.
Sendas derrotas españolas fronte á frota de EE.UU. en Cavite e Santiago de Cuba, provocaron que o goberno español pedira no verán negociar a paz, que por intermediación de Francia, se plasmaría no Tratado de París de 10 de decembro.
O Tratado de París: consecuencias
A derrota española fronte a EE.UU., significou a definitiva destrución da Armada de guerra, totalmente debilitada desde a batalla de Trafalgar en 1805. O goberno español, tras acordar a rendición cos americanos coa firma do protocolo de Washington o 12 de agosto de 1898, asina finalmente o Tratado de París do 10 de decembro co que España cedeu as súas colonias de Guam, Filipinas e Porto Rico aos Estados Unidos de América.
Cuba adquiriu a súa independencia (iniciada en 1895 fronte ao imperio español), pero baixo a tutela de EE.UU., que a converteu nun protectorado reservándose Guantánamo como territorio norteamericano. Non será ata 1909 cando Cuba se converta en República sen ningún tipo de tutelas.
Os filipinos non tardaron en reaccionar contra o dominio americano e iniciaron unha nova guerra de independencia que acadarían en 1946.
España, trala derrota e destrución da súa Armada Naval, entendeu que non tiña medios para reter e protexer as colonias que aínda conservaba en Asia, tan afastadas e escasamente poboadas, vendendo Palau e as illas Marianas e Carolinas a Alemaña por 25 millóns de pesetas en 1899.
A derrota, coñecida como o Desastre do 98, puxo o fin definitivo a un imperio en decadencia que durante tres séculos tiña dominado gran parte da xeografía americana, estendéndose ata outras afastadas latitudes. Dentro de España o Desastre viviuse como unha crisis moral, política e social, o que contribuíu a desenvolver un discurso rexeneracionista que influíu nos cambios políticos, sociais e culturais que se levaron a cabo no novo século.
A batería
Esta infraestrutura militar confórmase con dúas chairas para dúas pezas de artillería, coas súas ramplas e dous repostos de municións blindados cun foxo sen peitoril, tendo a do norte unha parte adicada a corpo de garda. De sólida cantaría, os muros eran de mampostería mixta, revestidos de morteiro hidráulico; os blindaxes, de carrís e viguetas de ferro, trasdosados de formigón e unha capa grande de terra.
O lugar onde se situaba a batería é hoxe un espazo apenas recoñecible militarmente, pero conserva a súa forma orixinal baixo un piso de xabre con bancos e unha sebe que a pecha. En dous documentos de 1912 e 1916 do Arquivo Xeral do Concello de Vigo xa indicaban a intención de demoler as edificacións ao supor unha fea protuberancia na aba do monte, e reencher o foxo por ser un perigo para o tránsito público. A súa construción neste punto obedeceu ao dominio que se tiña da ría cara o noroeste para instalar pezas de artillería ante unha posible invasión americana.