Guerra civil e represión
DE PRAZA MILITAR A ESPAZO PÚBLICO
“Planta del Castillo de Vigo que llamamos el Castro, como hade estar en estando acavado” obra do enxeñeiro de S.M. Eugenio Antonio Doffus Vélez Davila de 1705
A fortaleza do Monte de O Castro foi durante 300 anos o principal e máis senlleiro recinto defensivo de Vigo, no que se viviron acontecementos bélicos de gran transcendencia histórica para a cidade. Sen dúbida o máis relevante, foi a invasión da cidade e o asedio da fortaleza polos ingleses en 1719. Durante 5 interminables días, entre o 13 e o 18 de outubro, as tropas comandadas polo mariscal de campo Richard Temple, someteron aos 800 defensores repregados no castelo a un intenso bombardeo ata a súa rendición con honores militares o día 19.
A morte sempre estivo asociada ás arquitecturas de guerra, pero sen dúbida, unha das páxinas máis negras da historia da fortaleza, que excedeu a súa función como defensa da cidade, foron os acontecementos sucedidos en Vigo en 1936 co golpe de estado que desembocou na Guerra Civil e a inmediata represión onde triunfaron os golpistas. O carácter militar do emprazamento por aqueles tempos e ata 1964, convertérono nun dos lugares onde se produciron feitos dramáticos que é preciso non esquecer.
É o día 17 de xullo do ano 1936 cando comezan a chegar á cidade as novas relativas ao levantamento militar das tropas coloniais de Marrocos, pero en Vigo non acontece nada ata a mañá do día 20. O comandante da guarnición viguesa, Felipe Sánchez, dá longas ás chamadas do alcalde Emilio Martínez Garrido, evitando comprometerse co goberno republicano e agardando novas dende A Coruña, sede da Rexión Militar do Noroeste.
Foi pois, na mañá do día 20, cando se reciben as ordes de proclamar na cidade o Bando de Guerra anulando a autoridade legal vixente naquel momento. Así, o capitán Antonio Carreró, ao fronte dunha sección de infantería sae a proclamar o bando desfilando polas rúas máis céntricas da cidade, producíndose os primeiros altercados de gravidade na Porta do Sol.
Sen apenas armas e municións, moitos traballadores comezaron a instalar barricadas en García Barbón, Teis e sobre todo Lavadores en resposta ás forzas sublevadas. Non tardaron moito en caer e para o día 21 rematábase coa resistencia veciñal nas barricadas do Seixo (Lavadores), desencadeándose por toda a comarca unha onda de terror e violencia para «pacificar completamente la comarca, pues no se podían dejar en la retaguardia potenciales enemigos».
Garda Civil e falanxistas cumpriron ate tal punto a orde de procura e captura dos posibles contrarios ao golpe, que o cárcere da rúa do Príncipe quedou desbordada de capacidade aos poucos días.
Habilitáronse entón novos centros de detención nas instalacións militares do castelo de O Castro, a rúa Magallanes, o frontón de María Berdiales e a illa de San Simón. Pero ao tempo que estos cárceres se ían enchendo, moitas persoas eran sacadas para ser asasinadas.
As novas autoridades formalizaban e lexitimaban estes actos, levando a cabo consellos de guerra sumarísimos polos cales se acusaba de rebelión militar a tódolos elementos sospeitosos ou contrarios ao golpe de Estado, sendo a condena a morte o máis habitual.
Estímase que durante e despois da Guerra Civil foron asasinadas 2.500 persoas en Vigo. Contra o muro sur do primeiro recinto da fortaleza de O Castro 136 persoas foron «legalmente» executados/as entre 1936 e 1942.
En la plaza de Vigo a diez de Octubre de mil novecientos treinta y seis, reunido el Consejo de Guerra ordinario de plaza para ver y fallar la causa instruida por procedimiento sumarísimo contra los procesados paisanos, Maria Gomez Gonzalez, Jesus Eugenio Pérez Pérez, Tirso Gómez Freijido, Antonio Mojón Vázquez y Justo Moure dada cuenta en la causa en Audiencia pública, oída la acusación fiscal y la defensa.
FALLAMOS que debemos condenar y condenamos a cada uno de los procesados a la pena de muerte.
Consecuente con su escrito de hoy, participo a Vs. que he acordado que la ejecución de la sentencia de última pena recaída en causa num. 432, por Vs. instruida, contra […], tenga lugar en el día de hoy, a las dieciséis horas, en las inmediaciones del Castillo del Castro de esta Ciudad.
¡VIVA ESPAÑA!
Vigo, 31 de octubre de 1936.